07 febrero 2017

MISS OURENSE


                                          Ponte Vella. Ourense



Pandeirada de Ourense. Coral De Ruada 

1. A cruz de Pedra.
O abade Don Edelmiro era un orador convincente, de moito bracear. Peroraba a homilía abrindo os brazos a todos os xeitos e, nun deses acenos, espirrou. Quedou volado, cos brazos abertos en cruz, vendo medrar os mocos ata alcanzar a basta da estola. Os fregueses non daban chío, hipnoptizados pola porcallada, elástica como o cordón dun ioió. A vida non volveu aos parroquiáns, nin a cor ao rostro do crego. ata que o sancristán se apresurou a sonalo. Daquella empezou o folión.

2. O que enganan as iguanas.
A neboeira que cubría Ourense dende principios de febreiro continuaría ensombrecendo as rúas, cunha pequena lanceira de claridade a mediodía, o resto da xornada. Mais os municipais teñen vista de lince e, a pesar da borraxeira, deran co meu coche estacionado en lugar prohibido. Engurrei o papel da multa e o xornal e boteinos ao inferno. Acordeime dun veciño do meu edificio, analfabeto que, non obstante, mercaba a prensa cada día. Nunha ocasión -coincidiu que un transatlántico de luxo, botado por aquel tempo, copou a primeira plana- vino facendo que lía. Levaba o xornal ao revés, coa cheminea e os mastros do barco mirando para abaixo.
   - Que trae o diario?
   - Barcos a pique.


Miss Ourense. Bieito Iglesias en Galaxia

26 enero 2017

Choverá, choverá!






Como chove miudiño de Rosalía de Castro. Amancio Prada.

   Había unha semana que o clima era de invernía. Riadas de charrizo arrastraban sen interrupción polas chairas grises do ceo nubeiros semellantes a rochas arrincadas do solo.
   Por momentos chovía a xerros, e a auga sepultaba o val baixo as balloadas.

   Aquel día o firmamento cambiara de aspecto. Os torrentes da cor da tinta volatilizáranse e extinguíranse, as asperezas das nubes fundíranse e o firmamento presentaba unha aparencia uniforme e lisa, como se estivese cuberto cunha funda salobre. Esta funda foi desaparecendo engorde, e unha cortina de auga envolveu os campos. A chuvia xa non caía en ballons, coma a véspera, senón que o facía seguido, fina, penetrante, aguda, borrando as corredoiras, derramando os camiños, xuntando cos seus innúmeros fíos o ceo coa terra. A luz enturbouse e unha luminosidade azourida brillou sobre a vila, convertida agora nun lago de lama punteado polas agullas da auga que espiñaban coas súas gotas de viva prata o líquido lordento das porracas. No medio desta desolación da natureza, todas as cores esmoreceron, ocasionando que os teitos resplendecesen en contraste cos apagados tons das paredes.
   Que tempo!

J-K Huysmans en "A contrafio". Editorial Hugin e Munin

10 noviembre 2016

O sacamoas

                                                               O sacamoas



L´Arpeggiata: Bertali. Ciaccona con Verónika Skuplik al violín.



No medio da noite Jean Des Essientes, alancaba doente polo seu cuarto, por culpa dunha abominable dor de moas, coa cara atada cun pano e batendo contra os mobles coma un tolo.
Tremendo da queixada, acordou entón correr onda calquera sacamoas que atopase. Un deses con puño de ferro que con celeridade sen igual, saben estirpar os raigotes máis tenaces. Estos adoitan abrir ao mencer e non é preciso esperar.

Por fin deron as sete. Saíu ás présas da casa, e acordándose do nome dun ferragacheiro que se facía chamar dentista popular, botou a correr polas rúas mordendo o pano e contendo as bágoas.
Non tardou moito en chegar diante da casa. Suspirou, suorento. Acometeuno unha horrible angustia e sentiu un calafrio por todo o corpo. Pronto notou unha sensación de alivio; a dor parou e a moa acalou.

Ficou na beirarrúa, pasmado. até que por fin, impoñéndose á angustia, ascendeu por unha escura escaleira, saltando chanzos de catro en catro até o terceiro andar.  Alí, tirou da campaíña,  pero deseguida, aterrado polos enormes cuspiñazos encarnados que descubriu pegados nos banzos, deu media volta, decidido a seguir sufrindo das moas toda a vida. Nese intre, un berro arrepiante que atravesou as paredes e resoou por todo o relanzo da escaleira, fincouno no chan, espantado, ao mesmo tempo que se abria a porta e unha vella o mandaba pasar.
A vergonza que sentiu acabou co medo, asi que se deixou guiar até un comedor. Abriuse de socato outra porta e por ela apareceu un terrible granadeiro, vestido cunha levita e cuns pantalóns negros que parecían de madeira. Jean Des Essientes acompañouno ao cuarto contiguo.

Desde ese momento, as súas sensacións volvíanse confusas. Lembraba vagamente que se deixara caer nunha butaca diante dunha fiestra, e que balbucira, poñendo un dedo sobre a moa: "Xa está empastada. Coido que non se pode facer nada con ela".
O home interrompeu de inmediato as súas explicacións, introduciu o seu enorme furabolos na boca e, fungando baixo os mostachos abrillantados e reviritados, colleu da mesa un instrumento.

Daquela  comezou a escena principal. Aferrado aos brazos da butaca, Jean Des Essientes sentiu primeiro frío na fazula, despois os seu ollos viron unha chea de estrelas e sufrindo unha dor inaudita, deu  en patexar e oulear coma unha besta á que asasinasen.
Sentiuse un estalo; a moa rompera ao quitala. Daquela pareceulle que lle estaban a arrincar a cabeza e que lle fendían o cranio. Perdeu a razón e comezou a urrrar con todas as súas forzas, defendéndose con furia daquel home que se abalanzaba de novo sobre el coma se quixese meterlle o brazo pola gorxa abaixo. O sacamoas recuou un paso e, levantando o corpo apegado á queixada , deixouno caer de novo brutalmente na cadeira, mentres que el, de pé, tapando a fiestra, abarquiñaba e brandía na punta dos alicates unha moa azul da que pingaba o sangue.

Aniquilado, Jean Des Essientes trousou sangue até encher unha almofía e rexeitou cun aceno o ofrecemento da vella, que entrou co rigoto da moa e xa se aprestaba a envolvelo nun papel de xornal.

Saíra de alí a escape, despois de pagar dou francos, lanzando á súa vez cuspiñazos encarnados sobre os banzos da escaleira. Por fin atopouse na rúa, ditoso, coma dez anos máis novo, e interesado por calquera ínfima cousa.

J.K. Huysmans en "A contrafío". Editorial Hugin e Munin

09 febrero 2016

O tataratataravó Balonga



Luar Na Lubre e Diana Navarro



Muchos años después, frente al pelotón de fusilamiento, el Mariscal Ney, había de recordar aquella tarde remota en que al frente de su Ejército pasó por la Sierra de Morela enfrente de Prebello. Prebello era unha aldea con oito Quintas: Vigueso,  Río, Tesón, Ermita, Mourín, Ferreiro, Ramandíaz e Balonga.

 O  tataratataravó Xosé  Balonga Calangros  acordou cedo aquela mañá. Ao riscar o día xa tiña o gando despachado. Pechou a corte co tarabelo, colleu o faco e marchou co agrade  a estorroar a seara, que xa labrara e achandara antonte.
Parveou do melloriño, filloas e chulas con mel, e tornou a súa Quinta para deixar os apeiros no alpendre.

- Xa me daba o corpo que tornarías axiña! Que hora é?
- Non é hora ningunha!
.
Colleu unha ferrada de auga da sella, e bebeu uns grolos. Enxaugou as mans e lavou cara e pés con xabón. Limpo, nada dexoso, puxo a pucha, os carpíns e as galochas  e saíu para o rueiro. Engorde, botou  andar cara ao Canto da Arqueira, coa cabicha na boca . Polo quello arriba, cruzaba a outra beirarúa, cando  alguén se achegaba en fronte. No Penedelo, mirou en fite como algún chaíñas esgazara a sobreira, e iso aínda lle turrou máis polo xenio. Recoiro! Rosmou.
 O vento movía cadenciosamente a ferraña do centeo, nas leiras estivadas da senra.

O Mariscal Ney  coñecido como “o valente entre os valentes”, era o favorito de Napoleón. Curtido en moitas batallas na Rusia e nas seis Coalicións, chegou a España co VI Corpo do Exército. Perdeu fronte a Morillo a batalla do Río Verdugo en Pontevedra, e dende Santiago foi para Lugo, onde con 4.000 soldados, pasou por Navia de Suarna e a Serra de Morela cara a Ibias en Maio de 1809. Levaron tamén o Botafumeiro da Catedral de Santiago, feito en prata no ano 1.400 por unha ofrenda de Luis XI, e co que acabaron facendo moedas da República Francesa.

Xosé  Balonga Calangros, chegou ao Canto da Arqueira. Alí o vento zoa e urra.
En fronte, no alto da Serra de Morela víu un enxame de soldados coa bandeira francesa.

-Botou un aturuxo. Gabachos! Rien de fraternité!

Ney ficou inmóbil, sen sangue, chantado no chan. A soldadesca muda.

-E aínda asegundou: O Botafumeiro é noso!

O Mariscal picou con forza as esporas contra o flanco do cabalo, que rinchou, pegou un brinco e saíu a lume de carozo pola Serra adiante: Faquis, Laxo, Rao Pelliceira, Ibias, e nunca máis tornou.

Dende aquela, da nosa sona moito se fala e pouco se cala.

Aló do alén, Balonga se alonga.

- De non seres ti quen o di,  eu non o crería.
- Pois iso. Ai non!


Gabriel García Marquez e mais balonga


12 enero 2016

Dez consellos para aprobar un exame



 Elizabethan Serenade de Mantovani (R.Binge)

Dez consellos para aprobar un exame

Estimule os sentidos. A cortiza cerebral está organizada en varias rexións, como son a motora e a sensorial. Até hai pouco, os científicos crían que cada unha destas áreas ocupaba un espazo acoutado -ou mapa- para procesar a información proveniente de diferentes partes do corpo. Agora sábese que tales mapas se modifican coas experiencias persoais, así como que as interaccións entre as diferentes áreas refórzanse a unha velocidade sorprendente. Polo tanto a estimulación dos cinco sentidos favorece un maior equilibrio e desenvolvemento mental.

Non trasnoite. As investigacións de György Burzsáki, neurólogo da State University of New Xersei, en EE.UU., sinalan que a memoria se consolida ou grava despois de irnos á cama. Cando soñamos, o hipocampo e a cortiza cerebral establecen un necesario diálogo. Situado no sistema límbico, o hipocampo actúa como unha central que retén os recordos a curto prazo. Mais para evitar unha sobrecarga, a información é codificada pola cortiza cerebral, o baúl dos nosos recordos. Esta reestruturación da rede neuronal ocorre precisamente durante o sono, segundo Buzsáki.

Busque distracción. Dous días antes dun exame, peche os libros (en serio).
O cerebro inviste 48 horas en reelaborar a información e elixir que parte desta quedará retida na memoria a longo prazo. Para aprender hai que durmir!

Sen desvelos. Os fármacos para permanecer esperto toda a noite son desaconsellabeis, xa que alteran o ciclo regular de sono-vixilia, o que pode danar a recuperación da información estudada. Algo parecido pode dicirse do café: a cafeína estimula a atención cando se toma pola mañá, pero non despois, durante a noite.

O bloqueo é normal. A sensación de esquecemento na véspera do exame non debe ser motivo de preocupación.
Mentres un dorme, toda a información memorizada volverá á mente.

Hai que descansar.”A memoria é un proceso de catalogación e recatalogación”, comenta Karen Nader, da McGill University, en Montreal (Canadá). Se está a preparar un exame, o mellor é estudar a diario; fraccionar os temas e descansar polo menos 6 horas despois de estar a memorizar.

Ollo co repaso. A memoria pódese formar e reformar. O psicólogo Matthew P. Walker, da Escola Médica de Harvard Medical, en Harvard (EE.UU.), comprobou que a mera acción de recordar algo aprendido desestabiliza a memoria, se o proceso é perturbado por unha interferencia. Debido a esta vulnerabilidade, o recordo pode ser gardado de novo, modificado e mesmo substituído. O repaso do apreso modifica, á fin e ao cabo, os datos memorizados: se se fai de mala maneira, o resultado pode ser “moi deficiente”.

Sempre en positivo. O feito de afrontar un exame cunha actitude positiva estimula a atención e a memoria. No entanto, hai que evitar as emocións fortes e as desagradables, xa que poden borrar da memoria os recordos recentemente adquiridos.

Como Aristóteles. Estude paseando, xa que o exercicio cotián ten un efecto protector sobre as neuronas. Demostrouno Stan Colcombe, da Universidade de Illinosis en Urbana. Éste e o seu equipo pasaron por un escáner de IRM as cabezas de persoas maiores de 55 anos e descubriu que o cerebro das sedentarias ten menos masa gris que o das que confesaron facer deporte.

Coma ben e con moderación. A alimentación do estudante debe ser rica en acedo omega-3, presente no peixe, e en vitamina E, que abunda no xerme de trigo e os aceites vexetais. 


Internet

18 abril 2015

LATINISMOS


                                         LATINISMOS




http://galizaenmusica.blogspot.com.es/2014/02/musica-clasica-galega-vol-4-melchor.html

   kyrie



LISTA DE LATINISMOS

ab absurdo. “Polo absurdo”.

ab aeterno. “Desde a eternidade”.

ab initio. “Desde o principio”.

ab intestato. “Sen testamento”. Esta expresión pode aparecer en textos noticiosos na súa acepción de “procedemento xudicial sobre herdanza e adxudicación de bens do que falece sen testar”. Neste caso debe explicarse o seu significado.

accésit. Literalmente “achegarse”. Recompensa inferior e inmediata ó premio , en concursos e certames. Non ten plural. Escríbese en redonda.

ad kalendas graecas. “Ata as calendas gregas”, co sentido dun tempo que non vai chegar, un prazo que nunca se cumpre, xa que, a diferencia do calendario romano, no grego non existían as calendas.

ad hoc. “Para isto”, “para un fin determinado”, “especialmente”.

ad infinitum. “ata o infinito”.

ad interim. “Entrementres”, “de xeito interino”.

adlátere. Procede da deformación expresión latina a latere. Despectivo. Persoa subordinada a outra, da que parece inseparable.

ad libitum. “a vontade”, “como se queira”. Emprégase sobre todo en linguaxe musical.

ad litteram. “Ó pé da letra”.

ad nauseam. “Ata a repugnancia”, física ou moral.

alma mater. “Nai nutricia”. Por extensión, segundo o contexto, a patria, a universidade, ou centro de estudios, considerando que alimenta culturalmente o alumno etimoloxicamente “o alimentado”.

alter ego. “Outro eu”. Dise do amigo íntimo ou da persoa coa que se ten suma confianza.

a posteriori. “Despois, logo dun exame, pola experiencia”.

bona fide. “De boa fe”.

casus belli. “Motivo de guerra”, “caso grave”.

conditio sine qua non. “Condición sen a cal non”, “condición indispensable”. Expresión do dereito romano.

corpore insepulto. Non *de córpore in sepulto. “Co corpo sen sepultar”. Dise do funeral de corpo presente, con defunto antes de inhumalo.

corpus. Recompilación sistemática de textos. O plural latino é corpora. En redonda, recoméndase o plural non marcado “corpus”.

cum laude. Non *cum laudem. Expresión empregada como cualificación nas teses de doutoramento. Significa “con loanza”, “con felicitación”.

curriculum vitae. Historial profesional dunha persoa. Empregarase mellor a forma galega “currículo” e o seu plural “currículos”, de non facermos uso da expresión completa.

deus ex machina. En sentido figurado, persoa que pode resolver unha situación complexa. A expresión provén do teatro clásico.

de facto. “De feito”.

de iure. “De dereito”, “segundo a lei”. A expresión “recoñecemento de iure” equivale a “recoñecemento oficial” ou “formal”.

dúplex. Vivenda de dúas alturas. Non ten plural. Escríbese en redonda.

déficit. En terminoloxía económica, exceso do “debe”, é dicir, as perdas. Gráfase en letra redonda.

ecce homo. “Velaí o home”. Imaxe de Cristo flaxelado e coroado de espiñas. Persoa lacerada, rota, de aspecto lastimeiro. En redonda.

et cetera. “E o resto”, “e os demais”. Escríbase todo xunto “etcétera” e en letra redonda.

ex aequo. “Con igual mérito”. En redonda.

ex abrupto. Saída de ton, dito ou ademán inconveniente e inesperado, expresado con viveza. Escríbase todo xunto e en redonda.

ex cathedra. “Con autoridade de mestre”. Falar “ex cáthedra” significa expresarse en ton maxisterial e moi solemne. Emprégase para pondera-la autoridade (real ou finxida) coa que alguén está a falar de algo. Cando o Papa de Roma proclama unha afirmación teolóxica “ex cáthedra”, a Igrexa católica considera que é infalible.

ex libris. Etiqueta ou cédula que se lle pon a un libro para indica-lo seu dono ou a biblioteca á que pertence.

ex profeso. “A propósito”, “intencionadamente”. En letra redonda.

factótum. Persoa que nunha entidade manexa o negocio, ou aquel que se presta para facer de todo, un milmañas. En redonda.

facsímile. Aplícase a un escrito, sinatura ou debuxo copiado con toda a perfección. En redonda.

graeca fides. “Fidelidade grega”. A frase completa é “graeca fides, nulla fides”, “fidelidade grega, fidelidade nula”. Tamén se emprega co mesmo senso “poénica fides”, “fidelidade cartaxinesa”. Segundo os romanos, nin gregos nin cartaxineses (os seus inimigos durante moito tempo) cumprían a palabra dada.

habeas corpus. Xuridicamente, dereito do detido a ser escoitado. Son as dúas primeiras palabras coas que principiaba o auto de comparecencia perante o xuíz no dereito romano, e deste pasou ó noso.

honoris causa. “Por razón de honor”, “para honra”. Título ou distinción que se outorga en atención a grandes méritos do interesado.

hábitat. Tecnicismo que serve para designa‑la área xeográfica, o conxunto ambiental ou ecolóxico. Escríbese en redonda.

in absentia. “En ausencia”.

in aeternum. “Para sempre”.

in albis. “En branco”, “sen nada”.

in dubio pro reo. “En caso de dúbida, decídese a favor do acusado”. Procede do dereito romano.

in extremis. “Pouco antes de morrer”. Estendeu o seu sentido como equivalente de “en circunstancias extremas”.

in flagranti. Non *in fragranti. “Sorprendido no momento de cometerse o delicto”. En texos noticiosos úsase mellor a forma galega “en flagrante”.

in illo tempore. “Naquela época”, “daquela”.

in itinere. “No camiño”.

in memoriam. “En lembranza de”.

in pectore. Expresión latina utilizada no caso dunha resolución que se tomou e que inda se mantén en segredo.

in promptu. “De súpeto” ou “de xeito deliberado”.

in situ. “No sitio”, “no lugar mesmo dos feitos”. En linguaxe técnico-científica indica que algo non se estudia nun gabinete ou nunha biblioteca, senón no mesmo lugar no que se produce o feito ou no que está a causa obxecto do estudio. Gráfase en letra redonda.

inter nos. “Entre nós”.

in vitro. Experimento biolóxico feito nun tubo de ensaio e non sobre o propio organismo. Cando se realiza nun organismo vivo, falamos de experimentación “in vivo”. En redonda.

ipso facto. “Axiña”, “de contado”, “inmediatamente”, “no acto”.

iúnior. “Máis novo”. Non se emprega como norma xeral. En redonda.

koiné. Procede do grego no que designou a lingua grega común baseada no dialecto ático que se afirmou no mediterráneo centro-oriental a partir do século IV antes de Cristo. Por extensión toda “lingua común”.

lapsus calami. “Erro de pluma”, “equivocación ó escribir”.

lapsus linguae. “Equivocación ó falar”.

latu sensu. “En sentido amplo”.

manu militari. “Con man ou forza militar”

mare nostrum. “Mar noso”. Nome que lle daban os antigos romanos ó Mediterráneo, por estar rodeado todo el polas provincias do Imperio.

mare magnum. En sentido figurado: gran cantidade de algo que se expresa ou que se presenta confuso ou en desorde; multitude de persoas ou cousas. Mellor escribilo xunto e en letra redonda.

mea culpa. “Pola miña culpa”.

mens sana in corpore sano. Expresión tomada dunha sátira de Xuvenal que significa “espírito equilibrado nun corpo equilibrado”.

médium. Persoa con poderes ocultos ou facultades paranormais.

modus operandi. “Modo de obrar”. Xeito de actuar de alguén.

modus vivendi. “Modo de vivir”. Nun litixio indica un amaño ou acordo entre dúas partes. Na relacións internacionais designa unha solución provisional á espera do acordo definitivo.

motu proprio. Non *de motu propio. “Por propia iniciativa”, sen que ninguén o pida ou obrigue. Tamén é un tipo de documento papal.

mutatis mutandi. “Cambiando o que se deba cambiar”, “coa adaptación necesaria”.

nihil obstat. Expresión usada na lingua eclesiástica co significado de “nada se opón”. Exprésase cando se fai referencia á autorización para publicar un libro.

non grata. Emprégase na expresión “persoa non grata”. En redonda.

non plus ultra. “Non máis aló”.

númerus clausus. “Limitación de prazas”, “número limitado ou pechado”. En redonda.

per cápita. “Por cabeza”. Emprégase na linguaxe financeira e estatística e indica a proporción de algo que corresponde por individuo. En redonda.

per fas et per nefas. “Polas boas e polas malas”.

per secula seculorum. “Polos séculos dos séculos”.

per se. “Por si mesmo”.

primus inter pares. “Primeiro entre iguais. Dise daquel que ten primacía pero non máis autoridade cós demais.

plácet. Palabra latina empregada na linguaxe diplomática. Escríbase en redonda.

panem et circenses. “Pan e circo”. “Comida, por exemplo, e diversión”. Hoxe equivale a “pan e fútbol”. Procede dun verso do escritor romano Xuvenal.

quid pro quo. “Unha cousa pola outra”.

quórum. Non ten variación de xénero. Número de individuos necesario para que un corpo deliberante tome un acordo válido. Escríbese en redonda. Trátase dunha abreviatura de quórum praesentia suffícit.

quisque. “Cada cal”, “cada un”. Emprégase na expresión coloquial “todo quisque” co sentido de “todos sen excepción”. Debe evitarse en textos noticiosos.

rara avis. Pouco frecuente.

ratio. “Medida, proporción”. Úsase co artigo de xénero feminino: A ratio por aula é de 25 alumnos. En redondas.

sancta sanctorum. Aquilo que para unha persoa é moi reservado e misterioso.

sénior. “O máis vello”. En redonda.

sine die. “Sen data determinada”, “adiado indefinidamente”.

status quo. “Estado actual, estado en que”. Úsase para referi-la situación que existe nun tempo concreto sen que se lle fagan cambios. Existe tamén a variante statu quo.

status. Empréguese estatus en redonda. Poden usarse segundo os contextos palabras afíns como: “situación”, “posición” ou “estado”.

sub iudice. “Pendente de resolución”.

sui generis. “Moi especial”.

superávit. Forma da linguaxe comercial que indica o exceso no “haber”. Beneficios.

sursum corda. “Arriba os corazóns”.

tabula rasa. Preferentemente úsese a expresión galega “táboa rasa”.

thesaurus. “Tesouro”. Nome dado a algúns catálogos, diccionarios ou analoxías.

urbi et orbi. “Á cidade e ó orbe”, “a Roma e a todo o universo”.

ut supra. “Coma arriba”.

vademécum. Nome que se lle dá a un libro ou manual dunha materia que contén os coñecementos básicos, de forma moi breve e práctica. Escríbese en redonda.

verbigratia. “Por exemplo”. Existe a forma romanizada “verbigracia”. Abreviado, vg.

vox populi. “De dominio público”. Rumor ou expresión moi difundido 




O Correo Galego